
O CONTO DA AZUZAINA
18 Marzo de 2018 / 18:30 h.
€4Refuxiadas nun cuarto de caldeiras, coexisten as peculiaridades dun científico pintoresco e un músico excéntrico. A través do labirinto de tubos que anoan as voces do edificio, chéganlles relatos de grupos de persoas que, a pesares do inesperado, se recoñecen como familia. Un marabilloso xoguete escénico sobre as familias para gozar en familia.
O conto da azuzaina é un espectáculo do que emerxe a certeza de que non existen as fórmulas para a normalidade, nin pautas fixas para marcar o compás da harmonía familiar.O músico e o científico precisan compartir o cuarto de caldeiras, ese espazo de intimidade, ese escondedoiro onde tocar e experimentar sen a mirada dos seus familiares. Alí as matemáticas son o punto de unión entre ciencia e música e, posiblemente, a forma de entender que para cada familia existe unha fórmula diferente.
Mediante operacións simples (suma, resta, multiplicación e división) tentarán entender as historias familiares que lles chegan a través dos tubos da caldeira. Historias anónimas o as súas historias… Quen sabe?
Un espectáculo no que Jose Carlos e Herminio experimentan a diversidade, sorprenden a tristeza con números de circo e crean melodías de superación.
Ficha do espectáculo:
Autoría e creación: Ana Carreira e Fran Núñez
Dirección: Fran Núñez
Escenografía: Ángela Yáñez e Mey López
Deseño de son: José Carlos Illanes e Fran Núñez
Deseño de iluminación: Fran Núñez
Vestiario: Paz Yáñez
Música: José Carlos Illanes
4 euros
Bono familiar (4 entradas): 12 euros
De 8 a 12 anos
Duración aproximada 50 min.