
Espectáculo musical-Fíos do querer
19 Maio de 2017 / 18:00 h.
GratisA Concellaría de Normalización Lingüística está organizando para o vindeiro venres, 19 de maio, ás 18:00 horas, un espectáculo musical participativo denominado “Fíos do querer”, que se vai desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade está dirixida aos bebes e nenos/as de 0 a 6 anos, acompañados de unha ou dúas persoas adultas. As inscricións poderanse facer ata o 15 de maio enviando un coreo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal co nome e idade do neno/a e un número de teléfono de contacto. Enviarase un correo coa confirmación da praza solicitada.
Fíos do querer é un espectáculo musical participativo, para cantar e bailar, tecido coas agullas máxicas do amor, da lingua, dos bicos, dos aloumiños e das primeiras experiencias compartidas e celebradas. Esta actividade está dirixida a bebes e nenos/as de 0 a 6 anos, que acompañados dos seus pais, gozarán de cantigas de primeiras palabras, para abanear, para dar bicos, facer palmiñas, xirar, brincar… O espectáculo está dividido en dúas partes: unha primeira de música para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxectos sonoros naturais logrando, entre pequenos e grandes, armar unha pequena orquestra.
Neste espectáculo, Cé orquestra pantasma, a partir da personaxe de home orquestra, ofrece un formato musical agarimoso axeitado para a sensibilidade da primeira infancia. O emprego da voz e a actitude de confianza, o suave e rítmico acompañamento musical do ukelele e do seu trebello sonoro para as costas, e as misteriosas árbores de axóuxeres que acompañan estética e harmoniosamente, conseguen namorar a miúdos e grandes dende o comezo do espectáculo.