
Concerto da REAL FILHARMONIA DE GALICIA para nenos e familias a favor de Autismo Galicia
20 Outubro de 2017 / 18:30 h.
€5A Real Filharmonía de Galicia celebra o 20 de outubro un novo concerto dentro do proxecto RFG Solidaria, centrado na colaboración con varias ONGs galegas e da cidade que loitan pola defensa da infancia. Este concerto familiar estará dedicado a visibilizar o traballo que realiza a Federación Autismo Galicia.
A cita, que forma parte do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, comezará ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia. Este ciclo busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.
Baixo a batuta de Paul Daniel, os músicos tocarán parte da Música acuática de Haendel e a a Sinfonía nº 7 de Beethoven.
O traballo da Federación Autismo Galicia
A Federación Autismo Galicia aglutina a doce entidades de toda a comunidade que prestan servizos integrais e específicos a persoas con Trastornos do Espectro do Autismo e ás súas familias. Traballan para mellorar a súa calidade de vida e defender os seus dereitos, con especial incidencia no tempo de lecer, a formación, o emprego con apoio e a sensibilización social.