
Cidade Imaxinaria do Verán 2019
24 Agosto de 2019 / 16:00 h. - 20:00 h.
Visitar o incrible circo de bechos xigantes do dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis. Estas son só algunhas das propostas da Cidade Imaxinaria do verán no Gaiás: unha tarde de sábado en familia e ao aire libre na que a diversión está garantida polas fabulosas personaxes, espectáculos, xogos e instalacións que invadirán o Gaiás.
A intensa programación, que se desenvolverá de 16 a 20h, rematará cunha multitudinaria coreografía grupal na que todo o público está convidado a participar e na que nos despediremos bailando nunha nube de confeti ata a Cidade Imaxinaria da vindeira primavera. Consultade a nosa guía para non perder nada destas catro horas ininterrompidas de diversión!