Cargando Eventos

« Volver ao calendario

  • Este evento xa pasou.

CABALGATA DE REIS: A MAXIA DAS LENDAS

5 de Xaneiro / 17:30 h.

“Buscamos unha cabalgata participativa, na que os veciños e veciñas de Santiago estean presentes dalgunha maneira neste desfile, e tamén vivan dende dentro a Cabalgata de Reis”, indicou Branca Novoneyra. A concelleira lembrou que o 2018 é o Ano Europeo do Patrimonio e “quixemos que a nosa cabalgata atenda ao noso patrimonio inmaterial; por iso, atenderase ás lendas e contos que se transmiten oralmente de maneira interxeracional”. Así, os Reis Magos estarán acompañados de mouras, fadas, avelaíñas e a Maruxaina, no marco dun espectáculo de luces, movemento e música.

Ademais das tres carrozas dos Reis Magos, acompañados por candaseu séquito, estará a carroza da Maruxaina, a da natureza máxica e a do carbón, para quen non teña sido bo ou boa durante o ano. Xunto ás carrozas participarán 14 agrupacións artísticas da cidade, do mundo do teatro, do circo ou da danza, como Ultreia, Alehop Teatro ou Os Quinquilláns. Outro aspecto que destacou Novoneyra da cabalgata é o seu carácter inclusivo, contando coa participación de integrantes da Fundación Down Compostela.

A comitiva comezará o desfile ás 17:30 horas dende a estación de tren, para rematar sobre as 19:30 na praza do Obradoiro. Como peche do percorrido haberá un espectáculo de circo aéreo deseñado por Pablo Méndez. Deste xeito, os nenos e nenas e as súas familias divertiranse mentres agardan para saudar persoalmente os Reis Magos no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. Como é tradicional, Melchor, Gaspar e Baltasar tamén dirixirán unhas palabras aos/ás presentes na praza do Obradoiro dende os balcóns da Casa do Concello.

Participación cidadá
A cidadanía compostelá pode participar na Cabalgata de Reis de tres maneiras. Unha é como voluntario ou voluntaria, para o cal os/as interesados/as deben inscribirse antes do 18 de decembro chamando ao teléfono do Teatro Principal, 981 542 347, en horario de 8:30 a 15:00 horas.

Ao mesmo teléfono deben chamar os/as que se queiran anotar para o sorteo das nove prazas de paxes (tres por cada carroza dos Reis) que se realizará o 22 de decembro. Neste caso, os rapaces ou rapazas deben ter entre 12 e 16 anos.

Tamén se reservaron 120 prazas de integrantes dos trens, para todas as idades. Ao igual que no dous casos anteriores, hai que apuntarse a través do 981 542 347 antes do 18 de decembro.

Medidas de seguridade
A concelleira de Acción Cultural aproveitou tamén a rolda de prensa para facer un chamamento ás persoas que asistan como público á Cabalgata para que non usen sprays. Trátase dunha cuestión de seguridade, para evitar que esvaren persoas ou máquinas.

CompartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter