E ti . . . sabes cazar grilos?

E ti . . . sabes cazar grilos?

Para ir traballar vou en coche case unha hora, e agora cando viña ao mediodía pensaba no verán. Recordaba os veráns de cando eu era pequena. É algo que me pasa a miúdo (penso que máis que antes), que dende que teño ás miúdas enxeñeiras recordo moitas cousas de cando eu tiña a súa idade; e nesas viña, recordando os meus veráns.

Acababa o cole, e eran as festas de San Xoán no barrio. Remataba o San Xoán e iámos para a aldea. Eu marchaba cos meus avós á que era a aldea da miña avoa, onde nacera e se criara ata que veu vivir a Compostela. Nesa aldea celebrábase o San Pedro. E cazaba grilos.

Recordo ir coas vacas ao prado, xogar a croios e pedras, e cazar grilos. Buscabamos os buratos que fan os grilos no chan, metiamos no buraco unha palla, e salía o grilo. Tiñamos unhas grilleras de plástico nas que metiamos ao pobre bicho e lle poñiamos leituga para comer.

Recordo o sabor da tortilla de patacas e da ensalada de tomate. Recordo comer cereixas subida na cerdeira mentres todos durmían a sesta. Recordo o cheiro da noite, e as estrelas, e a herba seca. Recordo as culebras que traían no angazo cas que me asustaban cando volvían co tractor cheo de herba. Recordo ir en bici ao río, merendar torradas de pan con manteiga e azucre…

Pois nesas cousas viña eu pensando. E no verán que teñen as miúdas enxeñeiras. No que recordarán elas. Van aos obradoiros da escola infantil. Van a almorzar, aos obradoiros e a comer, mentres eu e mais o seu pai traballamos. Madrugan cando nós. Que verán van recordar? Que verán é ese para elas?

Pois nesas viña pensando…en que non saben cazar grilos.

Non sei que me falta, algo é, para mandalo todo á merda…para que vou traballar nesta merda de sistema? Por que non marchamos á aldea ou a un paraíso tropical? Que verán, que vida lles estou a dar ás miñas fillas?

  • Xa chegamos á rotonda. Baixas?
  • Ai! si, perdón, non me decatara…baixo. Ata o luns! e tí…sabes cazar grilos?
  • Eu? grilos? que dis?
  • nada…boa fin de!

 

 

CompartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
1Comentario
  • Helen Bertels
    Publicado ás 20:41h, 30 Xuño Responder

    Encantoume este artigo! Facer o que queremos moitas veces non é nada doado porque moitas veces vai en contra do que esperan de nos…
    Seguro que lles amosarás a cazar grilos, unha fin de semana, de paseo na aldea! <3

Publicar un comentario