Aléia – crecer en liberdade

Aléia – crecer en liberdade

O prazo para poder presentar as solicitudes para coles e escolas infantís remata no mes de marzo (máis información aquí) e cada vez máis nais e pais estudan as posiblidades para saber onde levar @s MIÚD@S en profundidade. Acoden a días de portas abertas e citas co persoal das institucións provist@s dunha listaxe de preguntas, como por exemplo: Como é o período de adaptación exactamente? Como tratades os conflitos?  …e o tema bicos? Que actividades se fan? Que pedagoxía seguides? etc. Cada vez somos máis @s que non nos valen certas maneiras e métodos que se aplican dende “sempre” e en moitos centros.

 
Aquí estamos no xardín de Aléia. Hai unha cabana na nogueira da entrada, unha pista de chapas en construción, caixas da creba (material interesantísimo que trae o mar), o obradoiro no que se fai barro, carpinteiría (con ferramentas auténticas) e pintura (inspirado no Closlieu de Arno Stern), camelias e iso non é todo…

Somos nais e pais e buscamos. Buscamos un novo paradigma de crianza. Moitas veces non queremos reproducir o que aprendimos nas nosas infancias na casa e no cole. Lemos libros e artigos, imos a círculos de crianza, temos grupos virtuais onde atopamos consello, apoio e comprensión. Saímonos da nosa estrutura familiar e buscamos a nosa tribo. Precisamos lugares e xente que nos dean amparo e nos axuden no noso camiño. Fainos falla a súa tranquilidade e sentir que o noso corazón estea na súa casa. Para min un deses lugares é Aléia.

 
Entramos na casa que é luminosa e moi acolledora. A escoliña é das nenas e dos nenos. Aquí todo está feito para que poidan coñecerse a si mesm@s e ao mundo sen dirixismos.

Aléia atópase na provincia da Coruña, en Miño e máis concretamente en Ponte do Porco. Quédame un pouco lonxe e de tódolos xeitos estou moi contenta de saber da súa existencia. Aínda que teño que recoñecer que me dan un pouco de envexa as familias de Miño e da contorna, porque poden ir a Aléia e gozar do mar, do areal, do xardín, da casiña, dos seus materiais Montessori (quedei marabillada con eles), da habitación de psicomotricidade na que poden saltar, arrandearse, trepar, gatiñar, arrastrarse, bailar e cantar cando non lles apetece saír fora ou cando acaban de estar concetrad@s nunha actividade e precisan acción, dun acompañante que se ocupa de que haxa espazo e materiais para que nenas e nenos poidan desenvolverse en liberdade, e, por suposto, da compaña das crianzas que a enchen de vida e tamén de Serxio, de Cris e das demais familias que a crearon e crean día a día.

 
No método Montessori hai moitos tipos de materiais como por exemplo vida práctica, sensorial, lectoescritura e matemáticas. Aquí temos material das matemáticas. Que pena que non tivera máis tempo! Tiña ganas de sentarme e exploralo por min mesma.

Sobre Aléia pódense contar moitísimas cousas. Por exemplo que naceu dunha iniciativa de familias que andaban na busca do mesmo: compartir un espazo relaxado no que as crianzas poden ser elas mesmas. Xuntáronse e estiveron debatendo ideas durante uns meses e chegaron á conclusión que o que precisaban era unha escoliña. Unha escoliña libre na que so mandase o respecto e a autonomía. Formáronse en moitas pedagoxías e filosofías e leron a moit@s autor@s entre outr@s Emmi Pikler, Rebeca Wild, Jean Piaget e Maria Montessori. 

  
En Montessori o espazo non debe estar sobrecargado, por iso hai un centro de interese no que está exposta unha peza durante un tempo para espertar interese, material ben visible nos andeis e o resto gardadiño para ilo cambiando de cando en vez. Unha das cousas que estaban no centro de interese cando eu fun, foi un experimento para saber como as cousas apodrecen. Por iso está alí o microscopio, para observaren a mazá, o abellón e cangarexos de cando en vez moi de perto mentres co tempo pasa o que a natureza preveu. Son ideas das nen@s e @s acompañantes que tratan de conseguir todo o necesario para que a súa sede de saber sexa saciada.

Hai moitos proxectos interesantes como as Bosque-escolas, Escolas Waldorf, Montessori, sitios coa súa filosofía propia, no campo, na cidade,… e pregunteime que diferenza a Aléia destes sitios. Segundo Cris, é a maneira na que acomapañan ás crianzas. Serxio, que é quen acompaña en Aléia di que o AMOR é o mais importante que move a escola: Todo se basea na creación dun espazo seguro no que as crianzas poidan ser libres. Fai falla poñer límites para que haxa liberdade. Os conflitos acompáñanse pero non se resolven. Intervense únicamente para mantelo espazo seguro. É dicir non deixamos bater, berrar, etc. en determinados espazos (pero hai outros nos que iso si se pode facer). Por exemplo: Cando dúas crianzas queren un obxecto, ese inmobilízase (cólleo @ acompañante) e a partir de entón poden pasar varias cousas. Unha é que despois dun tempo o obxecto xa non interesa a ningunha ou que unha llo deixa a outra ou que xorden ideas das crianzas mesmas de como saír da situación, porque a ninguén lle gusta estar sentad@ diante dun obxecto durante todo o día cando hai tantas cousas interesantes que facer. Así as tensións esváense e a experiencia en Aléia é que os conflitos desaparecen. Aprenden como solucionalos el@s mesm@s e xa non lles fai falla pasar polo paso do conflito. Serxio ségueme a falar:  Non moralizamos. Non polemizamos. Non preguntamos “Que pasou?” Se non o vimos non nos interesa. Non poñemos etiquetas. Non argumentamos, porque cando @ MIÚD@ chegue a certa idade nos dará mil voltas argumentando. Non creamos máximas como, por exemplo, dicindo que iso de pegar non se fai, porque quizais nunha situación na que me faga falla defenderme si que teño que pegar. Simplemente digo que non deixo que ti pegues na situación na que estamos e fágome responsable eu como acompañante deste límite que che poño…

 
Aquí enriba á dereita vedes a habitación de psicomotricidade (todo, como moitas cousas na escoliña, está feito con material reciclado) e á esquerda tendes a marabillosa vista dende o primeiro andar.

Xa vedes que me resulta un pouco difícil escribir sobre Aléia, porque corro o risco de producir un artigo quilométrico. Algunhas cousas non se poden aprender lendo. Algunhas cousas hai que vivilas e cada vez máis penso que a maneira de aprender sobre crianza é vendo a outros. É a maneira natural. Por suposto que é moi necesario ler, pero eu por exemplo, as poucas cousas que aprendín na crianza e as que aplico 100% convencida, son as que lle vin facer a Cris coas súas fillas. Esa é a razón pola que en Aléia traen a profesionais como Tinus Wijnakker ou Sandra Vallcanera para que poidamos aprender de ver como fan eles e por esa mesma razón abren na semana que vén o espazo 0-3 onde os martes e os xoves haberá un encontro de crianzas, nais e pais para aprender e compartir ese momento tan tenro e importante no desenvolvemento dos nosos tesouros. Pola mesma razón estarán mañá día 4 de marzo presentando o seu proxecto educativo en Arkhé na Coruña e o vindeiro sábado día 11 de marzo será a súa xornada de portas abertas. Aínda que non sexas de perto de Miño, achégate un intre a Aléia para falar sobre crianza, tanto a da túa casa como a que cultivan na escoliña. Aproveita para intercambiar experiencias e dúbidas. A min sempre me parece moi enriquecedor falar con xente coma Serxio, Cris ou Víctor sobre estes temas. Ah! E leva a túa comida para participar no picnic da praia. 


Estamos no primeiro andar que ten dous cuartos nos que entra o sol da tarde por unhas ventás grandes. Iwo xoga abaixo coa area da mesa de luz. Dan ganas de quedar.

En Aléia din que están con vontade de medrar e iso estámolo notando. Dende a Compostela MIÚDA desexámosvos moita sorte nesa nova étapa da historia de Aléia!

Nome: Aléia – Espazo de aprendizaxe activa
Localización: Ponte do Porco nº 10, Miño, A Coruña
Idade: a partir de 3 anos. Dispón tamén dun espazo de encontro de 0-3 os martes 17-19h e venres de 11-13h.
Horario: 10:00 a 14:00h. (e para o curso que vén haberá un horario ampliado)
Contacto: aleiacursos@gmail.com, aleiaee.wordpress.com,
Pedagoxía: Activa

Moitas grazas por ler, comentar e compartir.

 

CompartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Sen comentarios

Publicar un comentario