Calendario de Nadal – Weihnachtskalender

Calendario de Nadal – Weihnachtskalender

Eu son alemá e alá no norte tódol@s MIÚD@S (e @s non-MIÚD@S que se precien tamén) teñen un calendario de Nadal. Alá dise Weihnachtskalender.
O meu primeiro Weihnachtskalender estaba feito a mán polos meus pais de caixiñas de fósforos. Era precioso, a saber onde andará… Logo os había de papel e detrás de cada portiña descubrías unha imaxe. Os calendarios, tamén chamados de advento, na RDA normalmente eran reutilizables, é dicir que meus pais lle puñan tódalas noites algo e así ano trás ano. Cando caeu o muro chegaron os que eran de usar e tirar. Neles xa de entrada había algo detrás de tódalas portas. Iso era interesante. Podías caer na tentación de abrilas portiñas antes de que lles tocase. O malo era que cando chegaba o día sabías o que había detrás ou xa non había nada. Iso non chistaba tanto.
Recordo a ilusión de buscar tódolos días a porta correspondente e abríla… Era o mes máis bonito do ano, bueno, despois de novembro, cando é o meu aniversario.

E agora estou no outro lado! Mercámoslle este calendario a Iwo…

…e poñémoslle algunha cousa tódalas noites.
Aquí iremos publicando ideas para sorprender aos peques con detalliños para poñer detrás das portiñas ou dentro das bolsiñas que é o caso deste calendario.
1 de decembro
A Iwo encántanlle as luces e o que se ve saíndo da primeira bolsiña é unha cadea de luces de abetos que se iluminan de verde cando a encendemos á noite. Quería terlle metido unha de estrelas porque está tolo por elas pero non houbo sorte de atopalas. Máis unha estreliña caerá nalgún momento. Xa veredes.
2 de decembro
Púxenlle un ovo duro. Sona raro, pero explícome: Iwo ten case dou anos (cumpre en febreiro) e a cousa era ter el un ovo e máis eu outro para amosarlle como pelalo! Fíxose todo un experto. Encantoulle pelalo e comelo tamén! Pasámolo pipa.
3 de decembro
Hoxe puxémoslle uns arandos frescos. Hainos nas froiterías e non son moi baratos. Pero como precisamente por iso non os comemos nunca quedou moi especial. Zampounos todos nun plís e non nos deixou nin a mostra.
4 de decembro
O outro día fixemos unhas pastas de Nadal unha amiga e máis Julia, Cibrán, Iwo e eu. Fixémolas con fariña integral, panela, compota de mazá, margarina e levadura química e quedaron moi xeitosas. As pastas de Nadal son tamén moi típicas de Alemaña. Miña nai fainas agora máis que cando eramos pequenos porque cando eramos pequenos non tiña tempo e nos criamos que non lle gustaba…
E eu gardei unhas poucas para metelas no calendario de Iwo. Unhas poucas estrelas, claro. Quedou encantado de volver atopalas alí.
5 de decembro
Atopei na casa un minilibro de notas e llo metín nun dos bolsiños do Weihnachtskalender.  De momento leva unha dedicatoria, un corazón vermello sobre fondo verde e (como non) unha estrela. debuxados no seu interior Teño pensado irllo enchendo de cousiñas: recordos, pegatinas, igual algunha prantiña seca, unha plumiña, algunha mini-foto e o que nos atopemos por aí. Ao sacalo do calendario non lle fixo moito caso. So cando lle pegamos unhas estrelas, pero xa lle irá facendo gracia co tempo… De feito, mentras estou escribindo non para de pegarlle estrelas.
6 de decembro
Tocaron frambosas. Hmmmm. Iwo estaba un pouco durmidiño (pasamos unhas noites, meu deus, desvélase pola tos e ponse a chorar seguido, so vale saír a rúa, imaxinádevos eu por alí cun bebé de 2 anos na mochila ás 5 da mañá no medio de tódala xente saíndo por aí) e así non as quixo comer todas, é dicir que esta vez pudímolas catar nos tamén. Puxémosllas nos dedos, antes de comelas, iso gustoulle bastante e nos pedía facelo unha e outra vez.
E a ver que lle poñemos mañá… Aínda teñoo que pensar.
Grazas por ler, comentar e compartir!

CompartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Sen comentarios

Publicar un comentario