Conciliar – pequena reflexión acerca de significados, medidas etc. e a miña humilde percepción do conxunto.

Conciliar – pequena reflexión acerca de significados, medidas etc. e a miña humilde percepción do conxunto.

Que é conciliar? Xa moitas veces limos que é absurdo iso de conciliar a vida familiar e a vida laboral ou un reflexo de que na nosa sociedade algo vai mal. Non son a primeira que escribe sobre isto e non serei a última.

Xa que parece que isto non é un tema moi orixinal deixádeme tamén que comece este artigo como comezan moitos artigos, pondo unha definición de diccionario:

Conciliar segundo o dicionario da Real Academia Galega é:
Poñer en harmonía [aquilo que se manifesta como contrario ou diferente]. 

…e conciliarse:
Poñerse de acordo ou deixar de ser inimigos.

Xórdenme logo dúas preguntas:
Cando se separaron as nosas vidas na familiar e na laboral? e cando se fixeron inimigas?

Comecemos coa primeira pregunta:

Non sei cando se separarían. Coido que foi hai relativamente pouco. Seguramente no século pasado. Pero iso realmente non é tan importante. Interésame máis se é san ter varias vidas e penso que non. Iso de estar en posesión de varias vidas que non teñen que ver entre si e que ademais son inimigas, chámase trastorno de identidade disociativo ou moit@s o coñecerán por trastorno de personalidade multiple. A definición da wikipedia adáptase de marabilla ao que vivimos as nais e os pais en relación con este tema:

El trastorno de identidad disociativo es un diagnóstico controvertido descrito en el DSM IV como la existencia de dos o más identidades o personalidades en un individuo, cada una con su propio patrón de percibir y actuar con el ambiente. Al menos dos de estas personalidades deben tomar control del comportamiento del individuo de forma rutinaria, y están asociadas también con un grado de pérdida de memoria más allá de la falta de memoria normal. A esta pérdida de memoria se le conoce con frecuencia como tiempo perdido o amnésico.

Ergo: Non parece san. Ter un trastorno psiquiátrico non sona saudable. Semella que lle pasa a moit@s. Entón quen non está san é a sociedade na que vivimos, non?

Bromas a parte: A primeira vez que escoitei falar de que a nosa sociedade é a que está enferma (e non os “tolos” nos psiquiátricos) foi hai unha chea de anos a través do libro de Erich Fromm: Psicanálise da sociedade contemporánea: cara unha sociedade san, pero despois non deixou de soar ese feito. Repíteno constantemente profesionais, familiares e amigos. A última vez que o lin foi non libro El concepto del Continuum. En busca del bienestar perdido de Jean Liedloff que vos recomendo de todo corazón.

Estiven contando as miñas vidas e teño: a miña vida de artista, a miña vida de “profe” de alemán, a miña vida de nai, a miña vida de parte de Compostela MIÚDA e creo que xa non me caben máis nas 24h que ten un día. Non, a de parella xa non cabe. E sen darlle máis voltas asegúrovos que non funciona, que me custa un esforzo sobrehumano mantelas e que non teñen os resultados que se esperan no capitalismo. Non gaño un peso con elas. Non, non me gusta esa segmentación. Gustaríame que todo fose unha única vida.

Vou seguir cun pensamento que pon en relevo que a vida familiar é ben diferente da vida laboral e incluso da vida d@s demais da nosa sociedade que non teñen fill@s:

Cando quedei embarazada entrei no “mundo das familias”. Dúas nais abríronme unhas portas grandes e dixéronme: Benvida! Antes non tiña nin idea de que existía ese mundo paralelo. O mundo familiar xa hai que non está dentro do “mundo normal” (aproximadamente dende que se separou a vida familiar da vida laboral). É un mundo aparte do que a xente que non ten fillos non se entera… Ou talvez si, mais só cando se trata de criticar como están educados os nenos de agora ou cando no autobús, avión ou ao meu lado hai algún berrando coma un toliño. Se non a “vida familiar” apenas trascende estas portas que me abriron aquelas nais imaxinarias no momento de quedar en “boa esperanza”.

Coñezo a nais e pais que teñen medo de ter visita de xente que non teñen fillos porque non entenden… Critican, intentan educar @s teus fill@s ou como lle pasou ao meu irmán: Non marchan!!! Quedan como se estiveran nunha casa onde os que viven dormen de 8 a 10 horas cada noite da fin de semana. Isto son uns exemplos simpáticos, mais seguro que vós coñecedes moitos máis e máis serios que ilustran que vivimos nunha sociedade cega que vive de costas á familia ou sexa que a nen@s, nais, pais e tamén embarazadas.

E que hai do porqué da segmentación das vidas? E entón penso niso:

Sabedes como fan co leite das vacas? O leite antes de chegar ao tetrabric é separado en tódolos seus compoñentes, logo volveno xuntar (con proporcións que seica coveñen polo que sexa) e xa é metido e vendido no tetrabric tal e como sabemos. Fano para controlar o leite mellor. Pode ser o mesmo nas nosas vidas? Pártenas para controlalas mellor? Non sei, que conste que son totalmente contraria ás teorías de conspiración, pero si que creo que se ves que unha cousa che funciona para vender máis ou ter máis seguidores ou votantes ou uns traballadores máis uniformes que se deixan manexar mellor ou o que sexa que parece que é importante na sociedade na que vivimos, pois estou segura que hai máis dun/dunha que non se acorda que iso pode que vaia en contra natura, moral ou o que sexa que constrúa as bases para unha vida feliz e sá. E menos se vai lembrar agora que xa non haberá filosofía nas aulas e xa nin que falar ten da desaparición en xeral da cultura das nosas vidas á raíz da crise.

Ben. A min non me gusta ter varias vidas. Gustaríame vivir unha, a miña. Pero non vou ser tan radical de entrada. Vou facer unha reviravolta mental e vou aceptar: Teño dúas vidas: a miña familar e a laboral. E logo pregúntome: Por que esas dúas vidas habería que concilialas? Por que son inimigas? Non ten lóxica, non? Unha persoa feliz na súa familia será unha persoa que traballará “de lo lindo” ou vós que opinades?
Non quero escribir agora sobre como unha vida familiar e unha laboral poderían funcionar ben xuntas que daría para un artigo moi interesante (e hai moitos modelos polo mundo en adiante) pero si facer fincapé en que se funcionan ben xuntas pasarían a ser unha vida… Dádesvos conta, non?

Agora vou incluso ir moito máis alá e non só vou aceptar ese trastorno de multiple personalidade senón que tamén vou aceptar que “conciliar” ou sexa mediar entre estes dous inimigos fose unha boa idea. Iso cústame e doe bastante. Por iso espero que saibades apreciar ese experimento que estou a levar a cabo.

Conciliar en España significa por exemplo:
Deixar ao bebé cando ten 16 semanas (nin 4 meses) e é totalmente dependente da súa nai (ou persoa maternante) nun lugar onde unha persoa (que o bebé ata agora non coñecía de nada) está con el e máis bebés unhas 8 horas ao día. Non quero describir aquí tampouco o que ese pequeno recén chegado ten que sentir ao se ver privado da compaña da súa nai (Iso tédelo ben explicado no libro de Jean Liedloff que citei arriba) pero si quero dicir que na miña opinión é unha auténtica BARBARIDADE… Si, con maiúscula.

Entón, resumimos para acabar:
Dixemos que conciliar asegún o dicionario da RAG é pór de acordo a dous inimigos. No noso caso: a vida familiar e mais a vida laboral. E dixemos tamén que unha das medidas para conseguir iso en España é que un bebé de 16 semanas sexa separado da súa nai.
Parécevos que estamos pondo de acordo esas dúas vidas? Deixan de ser inimigas?

E parécevos boa idea conciliar se é así?

Penso que non. Penso que non. Penso que non.
E os ollos se me enchen de bagullas e o estómago de raiba.

Case vexo mellor non separar a vida familiar da laboral, nin arrincala da nosa sociedade, nin facela inimiga de nada e de ninguén, e así non ter que conciliar nada.

@s MIÚD@S son o futuro da nosa terra, son o que quedará de nós. Non se me ocorre nada que sexa máis importante.

Moitas grazas por compartir, ler e comentar…

…e por unirte a esta iniciativa e facer ruido nas redes para ver se conseguimos cambialas cousas xa! Porque a situación que vivimos neste aspecto aquí en España non é bo para @s nos@s MIÚD@S que son o noso presente e o noso futuro.

Esta iniciativa é promovida por Madres guerreras e se te queres unir á loita usa os hastags #ConciliarEsVivir e #ConciliAcción! 
Abaixo no cartel podes ver cando quedamos. Vémonos en twitter! Forza!

+info http://crianzaconapegootromundoesposible.blogspot.com.es/2016/08/hoy-me-dirigo-todas-aquellas-personas.html

CompartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
2 Comentarios
  • Mi Mundo con ellos Tres
    Publicado ás 14:05h, 10 Setembro Responder

    É un dos mellores artigos que lin sobre este tema da conciliación na miña vida, moitísimas grazas por escribilo e compartilo connosco e parabén pola calidade que ten

  • compostelamiuda
    Publicado ás 11:24h, 16 Setembro Responder

    Moitas grazas!!! Que ben que che gustara!!! Fainos moita ilusión!

Publicar un comentario