Leoas e opinólog@s

Leoas e opinólog@s

Neste artigo queremos pedirvos axuda para elaborar outro artigo con recursos, consellos, anécdotas e respostas para casos de comentarios molestos, de opinólog@s ou faltas de respecto que toda familia coñece. A ver se así (coas cousas e as contestacións claras, sabendo que nos pasa a tod@s) a leoa que levamos dentro nos teña que dar un tirón das orellas ao seu paso, se non é abolutamente necesario:

Cando es nai ou pai ás veces non é doado relacionarte co teu entorno. Teño un amigo alemán que di que o que pasa en España é que non se respecta @s nen@s e a súa parella galega di que lle parece que é certo. Eu engado que todo xa comeza no embarazo. A barriga da embarazada e mais tarde @ nen@ que sae son públicos. Todo o mundo pode tocar e opinar e meterse todo o que lle dea a gana. 

O meu irmán vive en Suíza e cando nos veu visitar coa súa nen@ de ano e medio estaba encantado con todos os sinais de afecto que recibiu ela d@s viandantes… E é certo, iso é bonito. Aquí non miran para outro lado cando unha crianza saúda coa man ou fai calquera outra cousa para se relacionar co seu entorno. Non como (seica!) ocorre en Suíza onde a xente lles torce a cara. 
“Pero!” …e xa estabades agardando ese “pero!”… Pero aquí a xente moitas veces pásase na outra dirección! Por exemplo, situación 1: eu estou agardando no semáforo co meu MIÚDO metido na mochila diante de min. Vén unha señora, que non coñecemos de nada e, sen previo aviso nin prolegómenos, vai e tócalle a cara (e non pouco) mentres lle solta o típico comentario “que neno máis bonito e simpático”! Iso é unha falta de respecto grave. Imaxínate que che pasase a ti: Situación 2 dende a outra perspectiva: Ti estás chegando ao semáforo ves unha muller ou un home que che parece moi simpátic@ e de casualidade che sorrí; entón colles, achégaste ata moi perto e tócaslle a meixela e o nariz dicindo: “que guap@ es, que ben me caes!” 
A que choca?! 
A que nos saca un sorriso nervioso?!

Na nosa sociedade iso sería moi sorprendente, máis ben asombroso e ante todo moi molesto. Á persoa en cuestión pareceríalle unha falta de respecto ao seu espazo persoal e ao seu corpo. Iso non se fai e punto! Pois ás embarazadas e nen@s si que se lles fai e a todas horas. A min tocáronme a barriga e con ela incluído o pube (!!!) persoas descoñecidas. 
Así e todo, alí non acaba esta situación. @s MIÚD@S tamén se collen, se levan, se soben e se baixan sen lles pedir permiso. Díselles “Non pasa nada” cando caen e choran. Díselles “culo, culo” cando están a experimentar con algo e non fan caso, e tamén se lles di “por que están enfadad@s?” cando en realidade están a chorar de cansazo, dor ou tristura…

Para min como nai non é nada nada fácil lidiar con esas situacións. Eu son desas ás que lles custa comunicar as súas emocións conflitivas, ás que calan para non destruir a paz e logo estoupan no canto de explicar. Por que se teñen que meter tod@s na educación do meu fillo??? “Non che comeu moito” “Está canso” “Esa nena é mala” “Tan grande e aínda toma teta?” “Non te enfades!” “Nós tamén tomamos chuches e non nos pasou nada”

Eu non sei como reaccionar a eses comentarios. Eu non digo nunca nada e logo un día resposto rosmando con olor a leoa enfadada, amosando os dentes, e a xente queda disgustada, a miña parella incluída. Quizais é porque son estranxeira, non sei. E os comentarios que me chegan non son dos peores. Son bastante liviáns e espaciados no tempo. Quedo sen palabras e coa boca e ollos ben abertos con algunhas cousas que lles din a amigas.

A vos pásavos igual ou parecido? 
Queremos dende a Compostela MIÚDA escribir un artigo con recursos, consellos e anécdotas para axudarnos a aprender a lidiar coas faltas de respecto abertas ou disfrazadas e demais comentarios molestos de opinólog@s ou de quen sexa cara @s nos@s MIÚD@S e cara nós como nais, pais ou embarazadas. Tamén queremos desenmascarar os comentarios inocentes que foron aprendidos hai tempo cando eramos pequenos e averiguar a mellor maneira para explicarllo a eses amigos e familiares que nunca se plantexaron que igual non é bo dicirlle xusto iso @ net@, sobriñ@ etc. Para iso gustaríanos contar co voso apoio. Comentade aquí ou escribídenos a vosa aportación ou experiencia da que pensades que poida axudar @s demais! Grazas!
Comenta aquí ou escríbe a compostelamiuda@gmail.com
Grazas por compartir e participar!
CompartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Sen comentarios

Publicar un comentario