NAIS, FOLIADA, TEORÍA DO APEGO…e DÍA DO TRABALLO

NAIS, FOLIADA, TEORÍA DO APEGO…e DÍA DO TRABALLO

Xa hai tempo que quería compartir con vós os meus pensamentos sobre as mulleres…pero non me da a vida, son muller, son nai, e ainda que as mulleres somos quen de facer varias cousas á vez, no meu caso esas varias cousas son moi varias, ou necesito unhas clases de organización, ou que paren un pouco o mundo, ou…ou non, quizás estea ben así. Ás veces penso que esa presión, esa responsabilidade… é o que o fai avanzar o mundo! ou polo menos o meu pequeno mundo, claro. E vai facer a revolución, que virá da man das mulleres, das nais que queren un lugar mellor no que medren @s seus miúd@s.

Total, que agora teño pendente escribir sobre as mulleres, as nais (que este domingo é o seu día), o Día do Traballo (que tamén é o domingo), sobre a Foliada MIÚDA e sobre a charla de Laura Perales “Teoría do Apego, vínculo e necesidades de 0 a 3 anos”, que ainda que fai un par de fines de semana que foi isto, como non me da a vida, ou si me da, ou eu que sei…pois nestas ando agora, a escribir.

E aínda que poida parecer que as mulleres, as nais, o traballo, a Foliada Miúda e a charla son cousas ben diferentes…pois non cho son, non.

Na Foliada Miúda desfrutei. Vin ás miñas miúdas xogar e bailar con outras crianzas ás que non coñecían e agora sí. Vin a nais e pais compartir e desfrutar, facer tribo. Vin tetas que alimentaban ao son das gaitas. Vin un bebé porteado nun fular mentres a súa nai tocaba a pandeireta. Vin. Vin e sentín. Sentínme ben. Ben ás veces non dí nada…ou meu sentirme ben tivo que ver coa conexión, sentinme conectada con outras persoas nunha forma de criar, nunha forma de desfrutar. Sentinme ben. Espero que desfrutarades tanto coma min. Grazas por vir, participar e desfrutar, e a ver se en breve organizamos outra.

E a charla de Laura Perales sobre a Teoría do Apego, o vínculo e as necesidades de 0 a 3 anos, ten moito que ver con ese conectar. Ten moito que ver con ser nai. Con ser muller. Cunha crianza consciente, vinculada c@ nos@ fill@, coas súas necesidades. Na charla non puiden estar todo o atenta que me gustaría, nin puiden estar todo o tempo…pero foi unha charla boa, moi boa. Seino porque o pai das miñas miúdas si que estivo, e ben atento, toda a charla. Criticaba que se facía fincapé demasiado no papel da nai e que non se lle daba papel ao pai. Eu penso que @s bebés de 0-3 anos…teñen que estar coa súa nai! O papel do pai é moi importante, pero penso que mais vinculado ás necesidades desa díada nai-bebé. Non sei, eso pode dar para outro artigo. O caso é que digo que a charla foi boa porque algo cambiou. É moi bo pai, é mellor pai que parella e dende a charla entendeu moitas cousas das que eu lle falaba. Está atento. Escoita. Respeta. Limita e da liberdade.

Agora veñen as mulleres, as nais e o traballo. Bonita coincidencia a deste ano, que fai que o Día da nai e o Día do traballo sexan na mesma data. Dende que son nai reflexiono e uno moito o traballo e a maternidade. Parece que traballo remunerado e maternidade se repelen coma os polos dos imáns, mentres que maternidade e traballo non remunerado se atraen tolamente! Penso que nesto quédanos moito que mudar, individual e colectivamente. Moito. Penso tamén que ten moito que ver todo isto con poñer en valor. A actividade das mulleres está minusvalorada. Incluso a de ser nai. E ás mulleres, a min, fáltame confianza, empoderamento que se lle chama.

Case teño 40 anos. Crecín escoitando á miña nai que me dicía que estudara, que estudara moito, para de maior ter o meu, non depender de ninguén…a liberdade que ansiaba unha xeración de mulleres que foi maioritariamente “ama de casa”.
Estudei unha carreira universitaria na que o 90% eramos mulleres pero pola contra, ás cátedras e o profesorado eran maioritariamente masculinos. Fixen os cursos de doutorado, algún master, algún postgrado…
Fun a algunha entrevista á que miraron máis o meu escote que os meus títulos. Empecei a traballar. Curiosamente o 10% de compañeiros da carreira tamén…con menos sorte o 90% de compañeiras. Tiña un xefe. Rematou á subvención pola que me contrataban. Fun a máis entrevistas, estiven en máis traballos, tiven máis xefas que xefes, estiven no paro…
Teño parella. Home. El fixo unha carreira universitaria. Traballa. Leva máis de 10 anos na mesma empresa. Cobra máis ca min. Temos dúas fillas. Cando naceron eu estaba en paro. Agora que traballo son eu a que ten redución de xornada, porque o meu traballo é menos estable e porque cobro menos.
Cóntovos isto porque non sei en qué momento, as cousas van pasando, a vida…pero a perxudicada en termos económicos son eu. Pero todo parece normal, o que ten que ser. Noutros termos de desfrutar da vida, das súas fillas, o perxudicado e él. Total, que de igualdade nada.

E nestas reflexións ando, xuntando festa, traballo e maternidade.

Grazas por ler, opinar e compartir!

CompartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
1Comentario
  • Sonia
    Publicado ás 08:18h, 02 Maio Responder

    Canta razón en todo!
    A foliada miúda, foi espectacular, soubo a pouco, respirábase un ambiente especial, e tanto os miudos como os maiores o pasamos pipa!
    A charla de Laura, coma sempre, non defraudou. Cantas cousas di sen decir, canto se entende con cada frase…e dou fé que o papá das enxeñeiras estivo ben, ben atento.
    E comparto 100% as reflexións de ser nai e traballo. Gústame o símil de imáns que se atraen ou repelen. temos aínda un largo percorrido por diante. Hai que loitar pola igualdade dende a desigualdade home-muller, porque as que parimos somos nós, e as persoas que os miudos precisan nos seus primeiros anos de vida somos nós, e non por iso temos que ter mermadas as nosas oportunidades…

Publicar un comentario